A desembocadura do Miño recibe o luns o Premio Nacional de Destinos Turíticos Europeos de Excelencia


Santiago, 18 de setembro de 2010.- A secretaría xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, asistirá o luns día 20 no concello pontevedrés da Guarda á cerimonia de entrega do Premio Nacional de Destinos Turísticos Europeos de Excelencia que obtivo a desembocadura do Miño, tras a candidatura que a Secretaría Xeral para o Turismo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, presentou en febreiro do ano pasado á Comisión Europea. No acto, no que tamén estará o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, e o director de Turespaña, Antonio Bernabé, darase conta do proxecto candidatado pola Xunta de Galicia e titulado A Guarda horizonte natural.

“Dende a Secretaría Xeral eramos conscientes do alto potencial que posuía Galicia, ao ter tantos quilómetros de costa, pero pensouse dende o inicio dos primeiros traballos, no mes de xaneiro, neste destino porque aunaba as posibilidades do turismo náutico e do turismo fluvial, un plus engadido para lograr o premio”, apunta a secretaria xeral. EDEN é un proxecto que fomenta modelos de desenvolvemento do turismo sostible na Unión Europea e, a través de concursos nacionais, cada ano elíxese un destino turístico de excelencia por cada país participante. Segundo Mª Carmen Pardo, que se mostrou moi satisfeita polo éxito acadado, “esta coidadosa selección de destinos permite atraer eficazmente a atención cara os valores, a diversidade e as características comúns dos destinos turísticos europeos”.

A finais de setembro terá lugar a cerimonia de entrega de premios en Bruxelas coincidindo cos actos de celebración do Día Mundial do Turismo e de xeito simultáneo celebrarase un encontro cos medios internacionais e unha exposición sobre os destinos gañadores que incluirá a instalación dun stand con material promocional dos Destinos Europeos de Excelencia. Esta busca europea de excelencia no turismo desenvólvese arredor dun tema diferente cada ano, neste 2010 o tema elixido foi o Turismo Acuático e a característica principal dos destinos seleccionados é o seu compromiso coa sostenibilidade social, cultural e medioambiental. Os gañadores do premio son sempre destinos turísticos europeos emerxentes e pouco coñecidos e poden estar situados tanto nos 27 Estados membros como nos países candidatos.

A Desembocadura do Miño cumpre os requisitos sinalados porque conta con abondosos recursos naturais, arqueolóxicos, patrimoniais e gastronómicos pero aínda é un destino pouco coñecido para o gran público e ten unha densidade de visitantes baixa a respecto da media nacional e galega. O turismo acuático na Guarda caracterízase por ser un turismo sostible e respectuoso cos seus recursos naturais, exemplo disto son as diversas accións encamiñadas a protexer espazos naturais, revalorizar as posibilidades do Estuario do Miño, a colaboración coas asociacións locais na defensa da biodiversidade.


O proxecto EDEN axuda a difundir por toda a Unión Europea as prácticas sostibles utilizadas nos destinos seleccionados e a convertelos nun destino turístico atractivo durante todo o ano. Con isto preténdese tamén desconxestionar os destinos máis concorridos. O proxecto conta co apoio da Comisión Europea, que foi quen lanzou a iniciativa no ano 2006, e segue a xogar un papel de coordinación fundamental e que se encarga tamén de xestionar unha campaña global de comunicación dos destinos gañadores.

Temas EDEN Nos tres primeiros anos do proxecto os temas para a selección dos destinos fórono o Turismo e as zonas protexidas (2009); o Turismo e o patrimonio local inmaterial (2008) e mais os Mellores destinos rurais europeos emerxentes de excelencia (2007). Ata o de agora participaron en EDEN: Bélxica, Bulgaria, Estonia, Irlanda, Grecia, España, Francia, Italia, Chipre, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Hungría, Holanda, Austria, Rumanía, Eslovenia, Finlandia, Croacia y Turquía. Este ano participan por primeira vez a República Checa, os Países Baixos e Polonia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *